OS CATRO TRASNOS BULRADOS
OS CATRO TRASNOS BULRADOS+
XAIME FELIX LÓPEZ ARIAS
Na cova que vai dende o soto da antiga Fortaleza de Sárria até a Acea de Riba vivía dende había moitos séculos un trasno rebuldeiro que respondía polo nome de Fervellasberzas.
O certo é que ese non era nin é o seu verdadeiro nome . Para alcuño non está mal, mais para chamar a un trasno non se lle acai. Chámase no pouco coñecido Mundo dos Trasnos Pardinparix , fillo de Ardometrix e de Margotravesa, e curmán lonxano do máis sonado dos trasnos caídos en cativerio e con contacto direito con terrícolas ., aquel que o bispo de Britonia ,Dom Gotrodo II , o tiña atado como a un canciño de garda ao pé do loito para que lle escorrentara as moscas nas noites de verán.
O de Fervellasberzas apúxollo o vulgo, que en materia de trasnos só sabe da misa a media, xa que a xentiña fixábase só nas falcatruadas que facían , que son somentes como o xarampo trasnil , e non coñecen os feitos bons de tan boa compaña como a que lles tocou aos nosos devanceiros.
E permitídeme que diga "tocou" , pois, para a nosa desgraza nin a nosa xerazón nin as futuras oito seguintes han saber cousa dos trasnos.... Chegoulles a súa curta noite de douscentos sete anos dos nosos e nós con agardar o seu espertar nada adiantamos xa que cando volten a abrir os cascaroliños os nosos osos non serán nin xiquer cinsa fría.
Polo moito que teño estudado encol dos trasnos en longas vixilias . lendo poirentos pergameos con mexadas de ratos vedraños, e moito máis polo coñecemento recibido da lectura dun rarísimo libro escrito en latín baixomedieval e editado en caracteres góticos nun prelo de Amberes , alo polo ano 1567, na Casa de Arnaldus Wintrhenfondul, que por un casual atopei na biblioteca do Pazo de Láncara, salvando tal marabilla bibliográfica de morrer no ultramarinos do Coxo de Carracedo ,, onde as súas follas estarían condeadas a serviren de envoltorio de pezas de xabrón e libtas de chiculate... por todo iso , e sen falsa fachenda, cecais eus sexa ao día de hoxe un dos grandes especialistas da cultura trasnega e de canto se relaciona co hermético mundo onde eles se desenvolven.
Mais as disquisicións e baralleos cinetíficos e morfoloxicos son propias da tese de doutorado que ando a preparar , e que cando a remate, por suposto vai ser merecente dun radiante "cum laude", na que xa vou polos dous mil setecentos folios, a duplo espazo, , e eu non vos quero aburrir con esquemas, citas e conclusións, e por iso agora só quero contarvos algunha flor escollida da vida do trasno Fervellasberzas, na versión erudita Pardinparix, segundo ma contou a min unha vella bigotuda de perto do Arrabaldo , que na súa mocedade , é dicir, poucos anos despois da terceira carlistada , soubo da vida e andares do noso Trasno ( califiquémolo impropiamente de autóctono ) moito por ter escoitado falar e facendo constar non houbo vista de ollos ,
Non son que de agochar a verdade do que eu sei, e polo meu rigorismo cientifico véxome obrigado a citar a fonte limpa onde bebín unha información tan de primeira man, e iso foi non sen certos atrancos pois a miña docta informante era un tanto tatexa e en tomar notas consumín tempos de prórroga e de penaltis dabondo. E así amosando o meu agradecemento sentido e profundo para con ela , a miña elaborada tese vai estar adicada á Señora Xovita de Escornabois, quen para que a conversa non se me fixese tan longa me agasallou con filloas de sangue nas noventa xornadas informativas vividas ao seu carón... Nunca máis volverei a comer nin filloas nin freixós.-... Eis o duro prezo de adicar toda unha vida á ciencia e en especial ao meticuloso estudo da Trasnaloxía.
Para min sería moito máis doado deixar ceibe o meu maxín e argallar toda unha serie de fabulacións folclorizantes , liriquizantes e falsas, impropias dunha persoa coma min que tanto ten afondado no rigorismo cartesiano, pois eu entendo que as concepcións literarias teñen que ser por esencia rabenas, pois se deixamos gallopar os soños , chega un intre no que se esbardalla tanto, co adorno requintado de tropos, metáforas e antiteses que até queremos que as mentiras pasen por ser a núa realidade.
..............................................
Dicía denantes eu que Fervellasberzas foi coñecido en Sárria na idade das falcatruadas. Rematou a xeira xuvenil para entrar nunha primeira maturidade xustamente no día no que Marzán "Vello" inaugurou na vila a luz eléctrica , Foi daquela cando o noso Trasno da Fortaleza, cumprido o seu primeiro ciclo, deixou a cova na que se agochaba para con toda a tropa trasneira , tirar cara o norte na percura das frías neves dun glaciar nun fiordo noruego, de onde proceden todos os da súa castimonia espallados por Galicia dende o tempo das invasións normandas.
FERVELLASBERZAS era un trasno noviño, somente un rapazolo. Amigo da soidade, era poeta e algo músico , Gostaba de andar de feira e feira, mesturado con tratantes, feirantes, polbeiras, oveiras, maragatos, xitanos... : O Once na Esfarrapa, o Quince na Feira de Paradela, o Seis no Mercado da Serra..
As modernidades trouxeron despois o nacemento dunhas feiras e a morte doutras, e iso amolouno un pouco, xa que el era pouco amigo dos cambios.
Unha vez ao ano, polo Tres de Setembro, axuntábase con todos os trasnos de dez légoas á redonda na Feira do Mosteiro Vello, e ali arrodeado de parentes e amigos falaba das súas cousas na arcana lingua tribal. Logo voltaba para a vila, pois entrementres son novos os trasnos teñen que vivir sós e lonxe da familia, sen compaña ningunha, razón esta pola que para se vingaren dunha vida de triste isolamento fan as súas trasnadas quitándolles as agullas e as tesouras ás costureiras, limpando as súas brancas pousadeiras nas cacharras do leite zugando por via anal a limpa tona , ou, poño por caso, abrindo a trapela das tullas pola noite para que a grá se espalle polo chan.
Atendendo soamente ás súas músicas e ás súa poesías que por moitas horas esfiañaba na cova da Fortaleza , os outros trasnos tíñano por un poco parvo e agoiraban para el un futuro semellante ao daquel lonxano parente encadeado ao leito bispal, e por iso deron en poñerlle o alcume de " Papamoscas", e vían como non cubría o cupo de falcatruadas de obrigado cumprimento diario sinalado polo Grande Consello.
Que lle mentaran ao lonxanísimo curmán , arredado na árbore xenealóxica , e claramente proscrito, facíalle ferver o sangue, e como xa só era cuestión de días que principiara a ineludible soneca dos douscentos sete anos , moi enrabexado prometeu facer unha ben sonada, que lles había dar que falar a aqueles alpabardas de trasnos aos que lles dera po de se rir del porque tiña un corazón sensible e nadaba nun mar de semifusas, ritmos , corcheas. e pentagramas.
BARBACÚ, TECECALZÓNS, PERNACREBADA,,todos tres trasnos casadeiros, arredábabanse de Fervellasberzas , e eran os máis destacados á hora de lle facer bulra, Colleulles por iso unha grande xenreira e xurou que llas ían pagar.
E meu dito, meu feito....
Na súa cela coveira , baixo da Horta de Batallón, matinou e madurou a súa vinganza.
Mandoulles razón de que viñesen á vila para a Feira do Vinte
- Chameivos, - díxolles todo sorridente -, porque, coma ben sabedes eu son un trasno lorán, galván e preguceiro,,
- Sabemos, sabemos.- dixeron a coro os contertulios-- Sabémolo ben.
- ... Ben , Pois eu quero dicirvos que xa que está perto a hora de facermos a grande viaxe para botarmos a grande sonata no glaciar lonxano , e como teño algúns traballos atrasados , quero pedirvos unha axudiña para queeu poida presentar as miñas contas ben axustadas. Eu pagaríavos o favor facendo unha canción de amor e uns poemiñas xeitosos para que llas regaledes ás vosas mozas , que iso seino facer sen esforzo e os trasnos temos todos boa voz e boa entonación.
- Con moito gusto, - dixo Barbacú-, os parentes estamos para as ocasións.
- Conta comigo, - respondeu fachendoso Tececalzóns, que daquela andaba a facerlle ás beiras a unha trasna mociña de face sonrosada-, sempre foi bo axudar a quen non sabe.... ou non quere.
- Eu estou disposto a axudarte.- atinou a dicir desguido Pernacrebada, que era un pouco tato-, a min o traballo góstame moito.
- ¿ Que temos que facer ?- preguntou TROUPELECARBA, irmán pequeno de Barbacú.
Fervellasberzas falaba de vagar , coa face pesarosa, como se de sutaque caira riba del un peso de chumbo que o afogara , como se descubrise , como se acabase de descobrir a grave irresponsabilidade de non ter traballado cando cumpría facelo e atoparse coa obriga esquecida...
- Non fai falla que vos diga que o Grande Consello me nomeou para esta vila, mentres que os vosos postos estiveron no medio rural. Eu afíxenme a vida de nugalla propia dos señoritingos da vila, e , coma eles . fun un trasno moinate máis dado a poesías e musicas e esquecin facer trasnadas e picardías, en fin non souben choiar....
- Non, se ti vas a acabar coma o curmán Ferruxebravo, atado á mesiña de noite do cuarto dun etnógrafo requintado, - recordeulle sentencioso Pernacrebada.
-Non interrompas ... E por iso pidovos de favor que me fagades algúns dos traballos que sendo obriga para mín eu as deixei arrombadas por mor do meu namoramento da Poesía e da Música , miñas señoras, que me engaiolaron coa súa donda cadea e áureos elos pois " Que alma e corpo me consume / día e noite con non percurado engado / agarimoso e quente lume / dándolle á miña vida tan bon fado".
- Cativo favor nos pides, ¿ cando principiamos ?
- Hoxe, nesta mesma noite. Tí, Barbacú, terás que gardar e contar a porta da vila , mellor, as portas da vila , que este lugar é meirande que o Pazo de Río, e levarás a conta da xente que anda polas rúas, da que sae e entra nas casas, dos que baixan e soben da Fonte Ribeira, dos que van á Adoración Noiturna ao Convento, dos que traballan e folgan na Casa do Concello......
- Son de conformidade, sempre foi o meu traballo....
- Ti, meu querido parente Tececalzóns terás a encomenda de botar a conta enteira da gra centea, triga e das demais cousas frumentarias e da cerealista clas.
- ¡ Valente tarefa !. ¿ Que outra cousa eu facía no Muiño do Galo ?.. En dúas noite remato a tarefa, e aínda por sorte para mín estamos no tempo de estar esgotada a colleita do outro ano.
- Para tí, meu caro curmán Pernacrebada, gardeiche un bon choio: Levarás a conta dos botóns, agullas, alfinetes., caixas e todo o que nelas se garda , navallas barbeiras , broches, aneis, cuncas e martelos que hai na vila.
- Cousa doada é. Son trasno especializado en costureiras- Axiña rematarei o labor.
_ E para tí, meu querido Troupelecarba, que acompañas ao teu irmán, póñoche o máis sinxelo traballo: Terás que andar un a un os arames que hai na vila, dende o comezo ao remate coidando se están enteiros e fixándote nos empates.
- Pequeno labor me pós, Nas viñas de San Fagundo e da Trapa está o meu traballo de vixía. Decontado rematarei tan sixela encomenda.
..............................................................
Fervellasberzas sorría renarteiro. A súa face estaba leda, como se o grave peso que o apreixara fose agora colchón de lene penuxe. E para proba da súa boa vontade, e como adianto da paga prometida deulles a cada un dos colaboradores senllos poemas escritos en papel rosado, adicados a cada unha das súas fermosas amadas e asinada, falsamente, polos respectivos namorados.
- Estou moi agradecido das vosas prometidas axuda. Non agardaba outra cousa de vós,,, ¿ Como me ía eu presentar diante do Gran Consello levando as contas en branco ?... Xa vedes que vos dei a cada un un traballo semellante ao que faciades nas vosas aldeas . Tedes rematados os vosos labores e esta noite será dabondo para que,mentres eu tamén fago a miña parte, rematemos todos xuntos o que tiña encomendado, e mañá, coas primeiras luces do albor sairemos todos cinco cara o norte....¡ Vaia sonata nos agarda !, Correde axiña...Cando o sol pinte por riba da Meda xuntarémonos na Fonte Ribeira... E se rematades ben os traballos prometo que vos darei dúas cancións de amor a cada un.
Cada un dos trasnos saiu a facer o que lle correspondera, e Fervellasberzas marchou para a Fonte Ribeira a compoñer poemas , sentado mirando para o río onde se reflectía unha lúa namorada que na súa imaxinación se lle antollou era un queixo e vítima da enaxenación transitoria dun grave ataque de risa caeu ás frías augas da corrente fluvial , nas que non se mollou, porque os trasnos son lenes de peso, impermeables e inodorosos.. ¡ E o grande galopín de Fervellasberzas ría a cachón e a máis non poder mentres botaba ao lombo unha a xeito de albarda na que acabaría montadno para facer a viaxe aérea na percura do acolledor leito noruego onde o agadban doce pares de edredóns de penuxe de ocas bravas !.
Os encomendeiros comezaron con forza o seu labor ., Chegou o mencer e aínda non deran rematado, ningún dos catro, os traballos a eles correspondentesn e entrementras o picaro pousafoles do Fervellasberzas collia o camiño do norte, os pobres coitados trasnos bulreiros metéronse en cada seu tobo.
Ningún trasno pode chegar ao glaciar noruego se ten pedmnete un traballo que se comprometa a facer.
Os trasnos son unha caste de xente de palabra..
.......................................................
Barbacú saíu coma un foguete. Afeito á aldea , a vila pareceulle pequena. Dúas prazas, o Campo da Feira e seis ou sete rúas ,inzadas de casas. Buscou "as portas da vila" e non as achou. Foi da Corga de Matavellas á Corga de Formigueiros, correu o barrento corguexo de Vales, a Rúa Maior, As Pedreiras,,,, ningunha porta, ningún portalón pechaba as rúas, a vila non as tiña , era unha vila de portas abertas, na que nin xiquer había cancelas como aquelas que por amolar el subía ás polas dos carballos na súa aldea de posto... Entón cavilou que para rematar a encarga tería que contar as portas das casas ,,, Ou principiaría por contar a xente e as sías entradas e saídas. Contar a xente era cousa doada, só había que ter en conta non topar de fronte con ninguén , que non houbese bruídos fortes, estouridos ou berros , pois neses casos o traballo quedaba tolleito e había que comezar outravolta .
Nin nesa soa noite, nin en cen que houbese, podería ter dado cumpriemnto ao seu compromiso. A xente da vila andaba tanto de noite como de día polas rúas, saían e eneraban nas tabernas. saían e entraban no Casino, na Unión, ían cara a estación coller o tren da madrugada, había homes que berraban "Sereno", os trens mercancías pitaban forte, o reloxo de Santa Mariña daba logas badaladas cada cuarto, cada media e cada hora enteira.. A noria de Villa Aurelia troupeleaba nun gallopar tolo movida polo vento.
Colleuno o amencer cando estaba rcontando por quinta vez a porta núemro 79 das do Convento, despois de repetir 200 veces o reconto previo.
...................................................
Tececalzóns principiou pola Casa de Ferreiró e máis pola de Capón.Rematou axiña, Xa mareleban as searas e as agras e arcas e tullas das dúas casas estaban case valeiras... Prometeuse un final feliz....
Trabucouse.. Colleuno o día dentro da Casa de Zaera... Fallaba por contar a grá das maquías dos muños da Ponte Ribeira e do Toleiro, os sacos de millo, a gra cente e triga, a cebada e o millo miudo dos almacéns de Marzán, de Cortiñas,,,a da s tendas pequenas e as tullas aínda mediadas das rendas do Conde de Lemos, da Casa Grande e da Casa Vaamonde.
Non había maneira de cumprir a encarga,
...............................................
O mesmo mal rsultado tivo o bon de Pernacrebada, Na vila había moitos xastres, costurerias, modistas, pantaloneiras, albardeiros ..... As señoras facían labor, as mestras ensinábanlles a coser ás escolantas, os zapateiros tiñan agullas, agullas os praticantes , e por riba había mercearías, tendas de tecidos, panerías,, tendas con millerios de caixas e caixiñas, buchinches, agullas decalceta.......botóns, , alfinetes e fitas de todas as cores , castes e xeitos, zapatos, fibelas, puntas, cravos e un milleiro de cousas estaban en caixóns, navetas, caixas e caixiñas, caixiñas redondas, caixas do pemento... Nin con cen trasnos colabodoradores se podería nunha soa noite rematar a conta de tanta miudanza,,,
....................................
Troupelecarba acabou canso e derreado,, A vila estaba chea de arfamios. El como trasno de aldea nada sabía de telégrafo nin de liñas eléctricas, empezou a seguir un daqueles longos fíos. Colleu un no trasformador da Calexa e saíu polo Lázaro e Barreiros e chegou ata o Muiño de Marzán. Pegou volta e seguindo outro e dacabalo del e collendo un ramal costaneiro alcanzou Fondoril en San Xoan de Muro, onde estaba a nova central da Eléctrica Sarriana, a aínda só levaba a conta de catro arames....Era imposible contalos e seguir o seu percorrido nunha soa noite... E cando xa estaba a raiar o día el ía seguindo un arame que collerau na estación do tren da Pobra de San Ciao , a onde chegara pasando antes por Valdriz, e xa canso da tarefa, parou na tarefa cando ía pola liña ferroviaria por riba do túnel do Oural, camiño de Monforte, xa temendo que o maldito do arame que non tivese comzeo nin remate. Deixou sen cortar os arames dos postes do telégrafo, e os da Electrica do Toleiro.... Vaia arañeira na que estaba metido.
......................................
E así estamos agora. Temos en Sárria catro trasnos moi tarbalalladores que nin tempo teñen para faceren trasnadas das súas , atados como están a daren honroso cumprimento ás promesas e compromisos feitos con Fervellasberzas.
Os trasnos son xentiña de palabra e non poden parar neses labores ata que chegue para eles unha noite na que dean remate ás encomendas nas que van andar perenemente esarelados. O que pasa é que agora que na vila se estableceron varias supermercados . tres hipechinos e almacéns de alimentación animal é tan inmenso o número dos obxectos contables e tantos os arames , tantos os quilómetros de fibra óptica e liñas telefónicas e milleiros de milleirios de trebellos con pezas miúdas que todo iso fai que os parentes e amigos de Fervellasberzas teñan que contar e recontar centos de veces en cada noite e non achan, nin acharán, ocasión para aparecer runfantes diante do Grande Consello.
Entrementres na fermosa cova de xeo do glaciar noruego, Pardinparix anda a soñar longos poemas ( agora colleulle gosto aos versos endecasílabos ) nos que canta aos gaiosos ameneiros e ás ledas anduriñas.
A sonata dos douscentos sete anos ( 2.484 meses dos nosos ) aínda está no comezo.
Nas miñaa investigacións, en todo rigorosas e formais, teño trado de falar con algún dos catro trasnos. Non o dei logrado. De nada valeu chamalos coas vellas e sagradas palabras contidas na obra "De Ars Phisica " do Coengo ;Martiño de Tui , nin poñerlles o engado dunha bica manteigada de millo covo feita en Sas de Penelas, torta esta da que tan devotos son Eu quixera manter con eles unha longa parrafada, falarlles de Fervellasberzas , que tan ben acouga no lacento Pazo do Norte, e dicirlles que nunca deberán esquecer que Pardinperix padecía naqueles días a febre xuvenil dos trasnos ( "Trasnitose acuta"), e que a trasnada da Feira do Vinte foi á única que o malpocadiño galafate soubo argallar.
Eu coido que non entenderían as miñas razósn e a miña linguaxe, as miñas falas sonaríanlles raras pois en aplicación dos seus raros e inusuais principios éticos ( Unha palabra é unha palabrs" , " O traballo enriquce o noso ánimo"; " Os amigos son o noso mellor tesouro· et. etc.) malia a que non poden estar na lonxana cova noruega non teñen nin gardan xenreira ningunha para o condanícaro Fervellasberzas.
E xa para rematar : Podedes comprender que, se estes feitos non fosen certos, un cultivador da ciencia como son eu, e con tan escasa capacidade de fabulació como eu gozo, non volos contaría tan polo miudo como o eu fixen, e moito menos sería eu quen de poñer en linguas a Fervellasberzas só polo afán de esbardallar de valuto ,
Se ela vivise , refírome .á vella bigotuda de suso dita ( isto é garantía de seguridade ) que vivía na Costa do Arrabaldo non permitiría que eu mentise , e como o mérito desta historia de total e cala verdade é todo dela e a ela se sóa debe, de xustiza é que aquí novamente a mente, e poña por testemuña e espada defendora do meu bon creto e cualificación cientiífica que ata os meus ,áis teimudos achan en mín e de mín envexan
E calquera de vós , se algunha noite sen bruidos , por un casual, vos encotatrdes con calquera dos trasnos de rueros agora metidos a vilegos ( poñedevos de lado , como ben sabedes, para non estar fronte a fronte ), mandadem e recado..
Pago esas novas.... e mais pago ben
á -
Comentarios
Publicar un comentario