UNHA VISIÓN DA SÁRRIA DE 1925
( EL IDEAL GALLEGO, 2.09.1925 )
BEIRAS DO SÁRRIA
Un dos máis belos lugares do país galego, é, certamente a vila de Sárris, de noble avoengo histórico, coñecido na antigüidade co nome de "Flavia Lambris" ( * ) e adaptada ás correntes do progreso moderno coa súa liña férrea Madrid-Coruña, bons hoteis, cine, centros de recreo, campo de fútbol e tenis , estradas frondosas e ben coidadas , "villas" e chalés , levantados moitos deles por familias veraneantes, algunhas aristocráticas, como os Marqueses de Ugena, que percuran na súa veiga retiro tranquilo e delicioso nos meses de verán.
A paisaxe , sen crebados ritmos , nin bruscos altibaixos , de movemento xeral candencioso, con soutos encantados de abondoso arboredo, cuxas ponlas se entrelazan unhas coas outras formando arcos de verdor e variados túneis de graciosas e elegantes formas, semella un parque ondulado , saturado de graza voluptuosa , no que se sinte aletear o espírito robusto da donda e fecunda poesía galega.
Os seráns, co seu solpor de tonalidades delicadas, baixo dun ceo lixeiramente velado , cinguen coroa de ouro aos montes de Farbán, Arxivide, Fafián, Vilasante , Alto de San Cosme ;Castelo dos Infantes, Treilán, etc. que rodean a vila , pechando en cadea o horizonte.
As pardas lombas , completamente desoladas ou vestidas por un delgado e pobre manto , onde apenas poden arraizar as plantas , contrastan coa vizosa riqueza forestal das carronzas e abas cobertas de carballos, choplos e castiñeiros que riman as súas cancións co canto monótono das augas do Sárria, que cruzan a veiga e esbaraza en voltas eslaiadas e feminís polo medio de campiñas de verde esmeralda celmoso e apacible , facendo espello ás belezas da contorna.
As noites aquí comprácense en adornar a bóveda celeste de estrelas máis luminosas que se miran con amor , e o aire dicífono e sotil permite que a crara lúa pratee con maior intensidade as copas das árbores e se reflicta xoguetona en mudables irisacións na corrente luminosa e trasparente dos arroxos que baixan dos montes da Meda e Serra do Iribio, para formar o río que deixa á esquerda a vila , e pasando por Vilafiz e Viance , únese ao Neira , despois de atravesa a ponte de Mazandán ( **),
A graza xubilosa da pasaxe tradúcese nos sarriaos, porque o espíritu fórmase en comuñón íntima co medio físico e desenvólvese na direción que lle marcan os estímulos que desde fora o solicitan. De aquí que as súas perceepcións, concepciós, imaxes , xuizos , razoamentos, o contido todo da súa vida psíquica propende á vida de relación, e amósanse hospitalarios ., acolledores , cultos, comunicativos , máis confiados nos demais que neles mesmos, constituindo unha sociedade plástica e moderna que acabará por absorber as poucas persoas anacrónicas que aínda quedan., como se o tempo houbese suspendido riba delas as súas leis progresivas-
Sárria, situada a surleste dos montes do Páramo, merece por ela mesma ser visitada. Posúe atracións naturais súas propias, e a facilidade de comunicacións favorece a organización de excursións a Lugo, Monforte,Samos, O Incio... A poboación desenvólvese darredor dunha cuiña , ocupando preciosa posición riba do rìo e o val do seu nome .
No alto do outeiro , dominando o pintoresco campo da feira , álzase entre unha grande profusión de árbores de todas as clases a torre da que foi temible fortaleza dos condes de Lemos, señores de Sárria, que existían xa a primeiros do século doce , no que o era Rodr´igo Velez, de quen fala un previlexio do ano 1115 , que dí na súa data; " Reinando dona Urraca en León e Galicia e sendo conde de Lemos e de Sárria Rodrigo Vélez ". Outro previlexio do ano 1124 , expresa a mesma dignidade "O conde don Rodrigo en Lemos e en Sárria". No século catorce pettencía o tíduo aps Núñez de Osorio. Despois o Condado de Sárria foi Marquesado e pertenceu á casa de Berwick e Alba. Actualmente a finca é propiedade dos señores de Batallón-
Na entrada do campo da feira , no comezo da Rúa Maior, áchase a igrexa de San Salvador, preciosa xoia da arte románica que o conde don Rodrigo doou con todos os bens que lle pertencían, ao bispo Xoán de Lugo (***), en satisfación dos seus pecados, segundo reza o documento, por ter derrubado e queimado a igrexa de Santa María do Toural, na terra de Ventosa-A escritura cuxo orixinal se conserva no Arquivo episcopal, foi outorgada no ano 1171.
No lado oposto da cuiña , nun manso declive que mira a Nacente, levántase soberbo o Convento de Mercedarios , seis veces secular, de sólida arquitectura, cuxa pedra sen deixar de selo, áchase cargado de eléctrico dramatismo espiritual e ten as segredas preferenzas das almas non anquilosadas nun estreito racionalismo. Cando os úlimos raios do sol envolven en ardorosa caricia a súa inxente mole as campás das súas esguías torres (sic), chamando á oración. enchen co seu tanguido suxeridor de tenros sentimentos místicos , a ampla veiga , riba da que descenden as primeiras sombras como un manto de malencónica poesía..Por tras do Convento hai un paseo marabillolso que sae á estrada de Portomarín. É unha paisaxe que se presta mesmo á inspiración poética que aos pensamentos graves.
Chámase este Convento de "Santa María Madalena" e del faise mención en documentos do século catorce. Pertenceu a unha comunidade de Agostiños conventuais que viviron independentes do Provincial de Castela ate o reinado de Felipe II, que, en virtude dun Breve do Papa Pío V, encomendou ao Bispo de Lugo don Fernando de Velosillo, a misión de reducir á regular ouservanza de Santo Agostiño, que neste convento facían vida claustral, verificánose a redución en xaneiro de 1568, coa tranquilidade e harmonía de que fala o Libro de Profesións do Mosteiro. Abandoado este polos relixiosos Agostiños , serviu de Cárcere do partido, e hoxe posúenos frades da Mercé, que o restauraron e o convertiron en espléndida morada e noviciado da Orde.
Na parte Norte da vila, érguese fachendosa , rompendo as nubes cos puntiagudos remates das súas torres ( sic) oxivais , a igrexa parroquial de Santa Mariña , en cuxa ampla praza se celebran as enxebres verbeas vrancegas , que teñen a virude de alteraren por uns días o ritmo pacífico e monacal deste pobo, aledando á mocedade sarriá polo arrecendo de popularidade que conservan e que as fan simpáticas en extremo. Aos acordes dunha ben afinada banda, que executa as pezas do seu repertorio dende un artístico e elegante quiosco, exteriorizan os xoves o seu regocixo, a súa graza e bon humor , bailando en nutridos grupos nos diferentes cantóns da praza, profusamente iluminada por infinidade de bombillas eléctricas . Aquí é onde , principalmente estas lindas mozas, co seu plasticismo persoal e as súas maneiras distinguidas de falar e de vestir , atraen unha nube de pretendentes que, como enxames de mosquitos"atorméntanas con discorde trompetiña , movidos de fins honestos o pasatempo galante, arrincando algúns con lirismos ou románticas estremonías".
Fronte da Praza está o Casino, de amplos e cofortables salóns, no que pasan alegremente as veladas xogando ao tresillo uns e cambiando as súas impresións os outros, os graves e sesudos señores. mentres a mocedade degraña os seus frescos sorrisos e sostén animado combate de flamíxeras olladas.
Por unha rampla apacible , baixase á Rúa do Porvir, formada por fermosas vivendas etre as que destaca o salón do cinema e o magnífico pavillón das escolas públicas , doazón do ilustre fillo deste pobo , Excmo Sr D. Matías López, cuxa viuva , completando a obra benéfica do seu esposo, erixiu o Hospital da vila, amable refuxio da huminidade doente , construído á esquerda da estación, nas abas do monte de Santa Cristiña , dende onde pode ollar o enfermo, inmensos campos tranquilos e asosegados, cos seus máxicos horizontes , que se eslúen nun cinturón de azuadas montañas.
Dende a estación sae a estrada de Samos-O Incio, abeirada de suntuosas edificacións que ostentan nas súas fachadas a ofrenda familiar e galante dos seus rótulos ; "Villa Pilar", "Villa Paquita", "Villa Marina".
Ocupa unha destas casas a sociedade titulada "La Unión", integrada por unha mocedade capaz pola súa cultura e a súa idealidade de todas as abnegacións con forza espiritual dabondo para grandes e definitivas empresas , que sinte, loita e traballa silandeira , sen runflas de enerxía inútil , para poñer a Sárria na avangarda do sentimento e do pensamento de Galicia.
Saíndo ao campo intérnase un polas frondosas e esquivas alamedas, hortas e congostras que arrodean a poboación , convertindo a súa contorna en lugares amenímos , como "As Aceas", "As Insuas"; "Vilasante", Padriñán,onde as distinguidas familias de López Fernández, Díaz Fernández e López de Santalla se agasallan mutuamente con suculentas merendas á sombra protectora dos choplos e carballeiras , que se esponxan fachendosos .na pasaxe coma se quixeran participar da ledicia propia destas festas familiares,
Aos encantos naturais do clima e da paisaxe preocupouse o Concello de enadir novos atractivos vixiando os servizos de hixiene e limpeza ,coidando da pavimentación e alumeado das rúas, e paseos, e fomentando a educación cidadá en todas as clases sociais, que se amosan moi afectuosas co forasteiro, dando, desde o primeiro momento, a impresión dun pobo altamente civilizado, no que o veraneante máis esixente pode acharse arrodeado de todas as comodiades que a súa condición require
Sárria, agosto de 1925
MACURIO
( *) Foi un erro moi común dicir que "Flavia Lambris" estivo na Terra de Sárrria. Afirmación esta sen base ningunha, ,
( ** ) Nin o río Sárria nin o río Neira pasan por baixo da Ponte de Mazandán. Esta ponte está no río Tórdea que leva as súas augas ao Neira. O río Sárria rende as súas augas ao Neira entre A Pobra de Sárria e Santa María Madalena de Moscán.
Comentarios
Publicar un comentario